Gobierno de España. Ministerio de Hacienda y Función Pública. Abre nueva ventana Secretaría de Estado de Presupuestos y Gastos - Intervención General de la Administración del Estado
Administración Presupuestaria

Presentación

Na actual era da información e da xestión do coñecemento e dentro dun escenario de Administración electrónica, os Portais web dos Órganos superiores e directivos da Administración do Estado, debidamente incardinados no portal do correspondente Ministerio e no das Administracións públicas, veñen constituír unha canle obrigada para, a través destes, canalizar, por unha banda, toda a información que o Órgano debe ofrecerlle á Sociedade da Información, e por outra, os procedementos e servizos administrativos, tanto no relativo á súa tramitación como en canto ó seu seguimento.

Este caudal de información que se tramita a través dos Portais web crece ademais vertixinosamente grazas á confluencia de varios factores determinantes: a esixencia por parte do cidadán dunha xestión transparente desde as Administracións públicas, propia dos sistemas democráticos; a globalización impulsada polo fenómeno Internet e a dispoñibilidade crecente de información dixitalizada e de capacidade de xestión desta, características da Sociedade dixital na que estamos instalados.

A importancia deste servizo é especialmente patente no ámbito da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, dado que a natureza das súas funcións fai que a información xerada e os servizos asociados lles resulten especialmente relevantes a sectores tan diferentes coma o empresarial, o universitario, as administracións e as institucións públicas nacionais e internacionais, ademais do cidadán.

A Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos é o órgano superior ao que, baixo a dependencia do Ministro de Facenda e Administracións Públicas, lle corresponde dirixir e coordinar as actuacións relativas á planificación, programación e orzamento do sector público estatal e dos seus custos de persoal, o deseño, a planificación e as actuacións relativas aos fondos comunitarios e incentivos rexionais, en especial, a xestión dos fondos destinados á política económica rexional e o seguimento e a xestión da participación española no orzamento da Unión Europea.

Así mesmo, está adscrita á Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos a Intervención Xeral da Administración do Estado, con rango de subsecretaría, que ten ao seu cargo o control interno, mediante o exercicio da función interventora e de control financeiro, o seguimento e o control de subvencións e axudas públicas, as actuacións derivadas do exercicio do control dos fondos comunitarios, no que se refire ao exercicio das funcións de autoridade de auditoría naqueles programas nos que a IXAE teña tal condición, a dirección e a xestión da contabilidade pública, a formación das contas económicas do sector público e a planificación, o deseño e a execución da política informática da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos.

Desde 1997 disponse dun Portal web para o cidadán no que se pode atopar unha ampla gama de información e servizos, que se vai ampliando día a día co propósito de acercarlle a Administración orzamentaria ó cidadán e ó resto de Órganos das Administracións públicas.

Data da última actualización: 14/8/2012