Gobierno de España. Ministerio de Hacienda y Función Pública. Abre nueva ventana Secretaría de Estado de Presupuestos y Gastos - Intervención General de la Administración del Estado
Administración Presupuestaria

Fluxo das facturas a través do RCF, tanto no caso de facturas electrónicas como en papel

Rexistro contable de facturas. Fluxo das facturas a través do RCF, tanto no caso de facturas electrónicas como en papel

Segundo se regula no artigo 3 da Lei 25/2013, do 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no sector público, publicada no BOE o 28 de decembro de 2013, o provedor que expedise a factura, xa sexa en papel ou electrónica, polos servizos prestados ou bens entregados a calquera administración pública, terá a obriga, para os efectos do que se dispón nesta lei, de presentala, nun rexistro administrativo nos termos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta días desde a data de entrega efectiva das mercadorías ou a prestación de servizos.

A través do seguinte esquema explícase o fluxo completo das facturas a través do rexistro contable de facturas, segundo se prevé no Proxecto de lei de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no sector público, e no Proxecto de orde pola que se regulan os requisitos funcionais e técnicos do rexistro contable de facturas.

Esquema que  explica el flujo completo de las facturas a través del registro contable de facturas 

(1) O provedor que expide a factura presentaraa nun rexistro administrativo. No caso de facturas electrónicas o provedor presentaraas a través do punto xeral de entrada de facturas electrónicas correspondente á Administración pública, o cal estará conectado cun rexistro administrativo electrónico en que se realizará o correspondente asento rexistral. En ambos os casos, factura electrónica ou en papel, o rexistro administrativo (non se confunda co rexistro contable de facturas) xerará o correspondente xustificante de recepción.

(2) O rexistro administrativo en que for recibida a factura remitiraa inmediatamente á oficina contable competente para a anotación no rexistro contable de facturas. Cando se trate de facturas electrónicas, este proceso realizarase de forma electrónica. As facturas electrónicas presentadas no correspondente punto xeral de entrada de facturas electrónicas, serán postas a disposición ou remitidas electronicamente, mediante un servizo automático proporcionado polo antedito punto, ao rexistro contable de facturas que corresponda en función da oficina contable que figura na factura.

(3) A anotación da factura no rexistro contable de facturas dará lugar á asignación do correspondente código de identificación da referida factura no citado rexistro contable, que a acompañará na súa tramitación. No caso das facturas electrónicas o devandito código será comunicado ao punto xeral de entrada de facturas electrónicas.

(4) A oficina contable que efectúe a anotación da factura recibida, electrónica ou en papel, no respectivo rexistro contable de facturas remitiraa ao órgano xestor destinatario dela, a través da unidade tramitadora correspondente, deixando constancia no rexistro contable de facturas da data e hora do xustificante de recepción pola unidade tramitadora, que terá que se pronunciar sobre a conformidade ou devolución da factura recibida, do que se deixará constancia no antedito rexistro. No caso das facturas electrónicas, o rexistro contable de facturas porá ao dispor das correspondentes unidades tramitadoras as facturas rexistradas, que, se dispón dun sistema de xestión económico-orzamentario preparado para iso, as recibirán no seu respectivo sistema utilizando os servizos que, para tal fin, prové o rexistro contable de facturas.

(5) Conformidade/Devolución: a unidade tramitadora destinataria da factura expresará a súa conformidade ou desconformidade con ela accedendo directamente ao rexistro contable correspondente ou a través do seu propio sistema de xestión no caso de que este último poida facer uso dos servizos provistos para tal fin polo rexistro contable de facturas.

(6) A tramitación, en caso de conformidade, do recoñecemento da obriga polo órgano xestor e o asento en contabilidade da obriga recoñecida e da proposta de pagamento identificarán as facturas obxecto da proposta a través dos correspondentes códigos de identificación asignados no rexistro contable de facturas. A contabilización da obriga recoñecida no sistema de información contable provocará un cambio de estado automático da factura no rexistro contable de facturas que pasará a estar en estado de obriga recoñecida.

(7) A anotación no sistema de información contable do pagamento material da correspondente operación, igualmente, provocará un cambio de estado automático da factura no rexistro contable de facturas que pasará a estar en estado de pagada.

(8) A oficina contable, a través do rexistro contable de facturas, efectuará requirimentos periódicos de actuación con respecto ás facturas pendentes de recoñecemento de obriga, que serán dirixidos aos órganos xestores competentes .

(9) A oficina contable, a través do rexistro contable de facturas, elaborará un informe trimestral coa relación das facturas con respecto aos cales transcorresen máis de tres meses desde que foron anotadas e non fose efectuado o recoñecemento da obriga polos órganos competentes. Este informe será remitido dentro dos quince días seguintes a cada trimestre natural do ano ao órgano de control interno.

Data da última actualización: 6/3/2014